Wednesday 15 de May de 2024

O Grupo de Participación Infantil de Moeche proponlle ao Concello a creación dun circuíto temporal de educación viaria no recinto de San Ramón


O Grupo de Participación Infantil (GPI) convocou para este sábado pola mañá unha xuntanza telemática coa alcaldesa e a concelleira responsable de Infancia e Mocidade, con representantes diversas asociacións locais e tamén co coordinador de Seguridade Viaria do Concello de Narón, quen xa colaborou noutras ocasións. O obxectivo da convocatoria era expoñerlles un proxecto no que levan traballando desde principios de ano, centrado na educación viaria. A idea á que están dándolle forma require implicar o consistorio na posta en marcha dun circuíto temporal no recinto da feira de San Ramón no que a rapazada poida aprender a desenvolverse con seguridade na vía pública, poñéndose tanto no lugar de quen conduce un vehículo e como no de quen transita polas beirarrúas e os pasos peonís. Para iso a proposta contempla unha parte formativa ofrecida por adultos -normas de circulación, sinais, precaucións…- pero tamén que haxa sinalización horizontal e vertical, “vehículos” e material específico para que a experiencia sexa o máis próxima á realidade.

Despois de semanas traballando nesta iniciativa, as nenas e nenos do CLIA teñen as liñas mestras máis ou menos definidas, pero aínda faltan aspectos por concretar para os que solicitaron axuda do Concello, doutras entidades de Moeche e tamén de particulares que teñen coñecemento sobre a materia.

Xa lle teñen nome ao circuíto, Circuíto modestino, e o lugar no que pensaron é o entorno da feira; na xuntanza de hoxe estableceuse xa o espazo definitivo que ocupará e o seu carácter de circuíto de educación viaria. A petición para o Concello é que colabore facéndose co material necesario -principalmente a sinalización e os coches- e botando unha man na coordinación, da que se encargaría a propia rapazada con axuda de membros da Escudería Moeche, das asociacións veciñais e culturais do municipio, do profesorado do CEIP San Ramón e da ANPA, todos eles hoxe mesmo se sumaron ao proxecto, ademais da inestimable achega da experiencia de Pedro Caneiro, un dos policías locais que se encarga da educación viaria no Concello de Narón, así como coa colaboración de persoas relacionadas co mundo do motor, como Marcos López, a quen a rapazada convidou pero por motivos laborais non puido conectarse e antigos membros do Grupo de Participación Infantil.

Destas cuestións falouse este sábado pola mañá nun encontro por videoconferencia no que participaron Beatriz Bascoy e Cristina García -responsable de Infancia e Mocidade-, xunto co propio Pedro Caneiro, representantes do CEIP San Ramón- a directora Almudena Yáñez, e Abel Muiño, mestre e membro do propio CLIA- e de asociacións do municipio – A.VV. O Val de Moeche, A.VV. de Labacengos, Escudería Moeche, A.Cultural Irmandiños de Moeche , ex-membros do GPI como Elías Mera, e os nenos e nenas do Grupo de Participación Infantil do CLIA: Carme, Carlos, Erika, Ainoa, Emili, Zeltia, Antón, Anxo.

Pero non só se definiu o emprazamento, a rapazada avanzou no deseño do logo do circuíto, na definición do tipo de material que se deberá mercar , aspecto que contou co asesoramento específico de Pedro Caneiro, para que idades se destinará, dado o seu carácter temporal, en que datas do ano abrirá, que material se poderá deseñar e elaborar e cal se deberá mercar, e incluso aspectos como o “publicidade” de empresas locais, vehículos adaptados para nenas ou nenos con discapacidade, campaña de doazón, etc. Non deixan de traballar e os nenos e nenas xuntaranse de novo en 15 días para avanzar no proxecto e máis tarde trasladar os acordos ao Concello e ás entidades, todo co obxectivo de que no verán o circuíto de educación viaria sexa unha realidade.

A concelleira da área sinala que “é un proxecto moi ambicioso e penso que de grande utilidade educativa” no que o Concello se compromete a colaborar “dentro das posibilidades que ten”. Neste sentido, Cristina García comenta que unha das funcións do CLIA é implicar a rapazada e a mocidade na gobernanza do territorio e que, por ese motivo, “os nenos e nenas son conscientes de ata onde pode chegar a colaboración municipal e de que, se fose necesario, cómpre reformular o alcance da súa idea para que se poida levar a cabo, pero tras a reunión non cabe dúbida que se poderá sacar adiante o proxecto que ofrecen”.

Pola súa parte, a alcaldesa manifestou o agradecemento do Concello ás entidades participantes, ao Concello de Narón, nomeadamente a Pedro Caneiro, e o inmenso orgullo que é para Moeche contar cun equipo de nenas e nenos tan activos e tan implicados co seu municipio, o que veñen responder e garantir o nomeamento que Moeche recibiu en 2018 de Concello Amigo da Infancia”